Desde fai un século, as mulleres grovenses descubriron unha forma de complementar a economía familiar creando xoias coas cunchas. Desde aquela, catro xeracións de colareiras mantivemos este arte e fómolo levando e preservando todo o seu valor cara ao século XXI.
Avoas, nais, tías e fillas foron sempre as que capitanearon a casa e a familia e se cadra, por casualidade ou porque soubemos escoller ben (quizáis eles tamén) pero os nosos homes sempre foron compañeiros de vida, acompañaron e nunca se impuxeron.
As mulleres colareiras do Grove fomos pioneiras dun empoderamento que sempre nos deu independencia e autoestima. Acompañadas por homes que, sin sabelo, foron e son feministas tamén.
Hoxe quixera render o meu pequeno homenaxe ás mulleres da miña casa, que me foron transmitindo ese saber e esa forza que veu dar na marca Montse Betanzos, bebedora desa sabedoría tradicional que segue evolucionando e dando novos aires ao oficio.