nova4

A tradición máis fermosa da Toxa

04/06/2009. 

Socorro e a súa filla comparten a súa devoción por un dos oficios máis característicos do Grove: o de tecer collares de cunchas de todas as cores.

Di a Historia, e calquera lle leva a contraria, que os manantiais da Toxa foron a orixe dese fenómeno turístico que hoxe é O Grove. Á sombra do Gran Hotel, os mecos foron descubrindo que eran moitas as cousas coas que podían seducir aos visitantes. E ata as cunchas mariñas se revelaron como un atractivo que pagaba a pena explotar.

Socorro Cacabelos naceu nunha desas casas nas que sempre se traballaron as cunchas. «Miña nai ía coller marisco e depois, polas noites, facíamos colares porque viñan unhas señoras de Vigo a recollelos polas casas». «Eran dúas mulleres maiores que mandaban os colares a Madrid e a Barcelona, e os cartiños que entraban na casa ben que nos viñan», recorda Socorro. Así que a súa nai «foi collendo interese por esa actividade», convertiuse en colareira da Toxa e foille inculcando o seu amor por ese traballo ás súas tres fillas.

A vida foi levando despois a Socorro polo seu camiño. «Traballei nas fábricas, fun mariscadora, estiven no estranxeiro, pero os colares nunca se retiraron da miña vida», conta esta muller. Tan presentes estiveron, que a súa filla Montse se criou entre cunchas de cores. «Ela mamouno desde pequena», asegura Socorro. E a propia Montse o ratifica. «Cando quería algún capricho, a miña nai decíame 'fai tantos collares e tantas pulseiras' e cos cartos que xuntaba ao vendelas xa tiña para comprar o que quería». Montse estudiou a súa propia carreira e nestes momentos traballa nunhas oficinas. Pero non descarta seguir os pasos da súa nai, que hai uns dez anos decidiu deixar as outras ocupacións ao marxe e concentrarse en ser o que sempre se sentíu: collareira. «Apostei por isto, e fíxeno porque o levaba dentro», asegura Socorro. A paixón polo traballo estóupalle no peito cada vez que ve un anel, un pendente ou un broche. «Cada cousa que vexo nun escaparate, nunha revista ou na televisión, xa estou pensando en como trasladala ás cunchas», di a nai. «E á milla filla fai o mesmo». A súa curiosidade artística, e a doutras coma elas, levounas a encher as súas mesas de traballo con todo tipo de alfaias feitas con cuncha. «Os modelos evolucionaron un cen por cento. Ata hai uns anos todos os colares eran iguais e das mesmas cores». Hoxendía hai colares, hai. Pero hai tamén aneis, hai broches, hai todo un mundo de xoias feitas con cunchas

 

<< Volver

© Montse Betanzos. 2012